Viaxar con nenos e bebés

Porque viaxar con nenos é máis sinxelo do que parece, preparamos unha sinxela guía que fará a vosa viaxe máis cómoda. Para que gocedes con eles a aventura de coñecer o mundo!

• • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • •
Descubre todos os nosos consellos para voar en familia
Comezar

Reserva

Unha vez elixido o destino onde pasar uns días inesquecibles cos teus fillos, chega o momento de reservar os voos…

  • Consideramos bebés aos pequenos que teñan entre 7 días e 2 anos. Se viaxas cun bebé, terás que levalo no colo. 
  • Tamén é posible que 1 adulto viaxe con 2 bebés sempre que un deles teña, polo menos, 18 meses. Deberá ter un billete propio (reservado a través do noso Centro de atención ao cliente) e ocupará un asento no que deberá ir sentado nunha cadeira de coches homologada.
  • De 2 a 15 anos, os cativos entran dentro da categoría de nenos e cómpre reservar un billete para eles xa que voan en asento propio.
  • Se formades parte do programa Vueling Club, tanto adultos coma nenos poderedes acumular Avios por cada voo.

AS NOSAS RECOMENDACIÓNS

  • Se o teu fillo viaxa só consulta as condicións das reservas para menores de idade.

Documentación

DNI, pasaporte, libro de familia… Que documentación precisan os menores para poder voar?

  • Lembra que os países teñen diferentes normativas referentes á documentación de menores. Consulta o noso apartado de Documentación da viaxe para máis información.

AS NOSAS RECOMENDACIÓNS

  • Se o bebé ou neno xa ten documentación propia, aconsellámosche que a leves contigo.
  • Garda a documentación dentro da túa equipaxe de man ou bolso para tela sempre a man.

Equipaxe de man

Sempre que voas faste a mesma pregunta: que podo levar dentro da miña equipaxe de man?

  • Cada pasaxeiro con billete propio pode levar unha maleta de man, así como un bolso ou maletín máis pequeno que deberá caber debaixo do asento dianteiro.
  • Dentro da túa equipaxe de man poderás levar a comida que o cativo precise para a viaxe, incluíndo as papas ou purés, que poden levarse en envases de máis de 100 ml; ademais, non cómpre que os recipientes vaian precintados.

AS NOSAS RECOMENDACIÓNS

  • Non esquezas meter na túa equipaxe de man cueiros abondo, roupa de recambio e algunha mantiña ou xersei para evitar que o cativo se arrefríe co aire do avión.
  • Procura que a comida que leves para os nenos non teña que ser quentada dentro do avión, xa que ao mellor non queda coa temperatura desexada. Podes traela previamente quentada desde a casa dentro dun termo.
  • Antes de partir, visita a páxina web do teu aeroporto de orixe para comprobar se existe algunha restrición respecto da equipaxe de man.
  • E para que non vos esqueza nada, preparamos unha listaxe que poderedes descargar e imprimir con todo o que tendes que levar dentro da vosa equipaxe de man.

Facturación e filtro de seguridade

Podo levar as miñas tarxetas de embarque da casa?

  • Se viaxas con bebé, ao realizar o check-in online deberás seleccionar un asento apto para viaxar con el. No mostrador poderás facturar sen custo adicional un total de dúas pezas extra (carriño, cuco ou berce).
  • Os nenos, ao igual ca os adultos, poderán realizar o check-in online desde un ordenador ou teléfono móbil.
  • Por motivos de seguridade, primeiro deberás cruzar só o arco detector. Se o teu cativo aínda non pode andar e viaxas só, o persoal do aeroporto pode collelo en brazos para que cruces ti primeiro e a continuación poidas cruzalo co teu cativo.
  • Lembra que toda a equipaxe de man que levedes deberá pasar polo escáner, incluída a cadeira do bebé.
  • Se viaxas desde o aeroporto de Barcelona, contas cun filtro de seguridade preferente para familias con nenos.

AS NOSAS RECOMENDACIÓNS

  • Procura chegar ao aeroporto con antelación suficiente e lembra que contas cun mostrador de facturación diferenciado para familias con nenos nos nosos principais aeroportos.
  • É posible que no filtro vos pidan amosar os líquidos ou os alimentos que levedes dentro da equipaxe de man, así que é mellor telos preparados de antemán.

Transporte do neno

Porque sabemos que o teu fillo e o seu carro son inseparables, podes levalo ata a porta do avión!

  • Levar a un bebé ou un neno sentado na súa cadeira é sempre máis fácil que levalo en brazos ou a andar, por iso os aeroportos permiten pasar os carros dos bebés dentro das zonas de embarque.
  • Cando chegues á porta do avión, o noso persoal poralle ao carro unha etiqueta cos teus datos persoais e baixará o teu carro á bodega sen que isto teña un custo adicional para ti. Desde este momento, o carro pasará a ter categoría de “equipaxe especial”. A maioría de aeroportos dispoñen dunha área habilitada para a recollida destes equipaxes, normalmente a carón da zona das cintas de maletas. Noutros casos, o cochiño sairá pola cinta de maletas xunto co resto da equipaxe. O mellor é que, cando aterredes, preguntes ao persoal de terra onde podes recollelo.
  • Se o teu voo fai conexión en Barcelona, o propio aeroporto poderá proporcionarche un carro de préstamo durante o tempo que dura a escala.
  • Sabías que se viaxas con bebés ou con nenos tes embarque preferente nos nosos voos? Así poderedes estar xa acomodados nos vosos asentos mentres o resto de pasaxeiros embarca.

Asentos e seguridade

Porque a vosa seguridade é o máis importante, tomamos todas as medidas necesarias.

  • Os nosos avións dispoñen de asentos específicos para os adultos que viaxan con bebés de ata 2 anos. Por que? Pois porque os devanditos asentos son os únicos que dispoñen de 2 máscaras de osíxeno.
  • Cando entredes no avión, o noso persoal de a bordo daravos algunhas recomendacións e entregaravos un cinto especial para o cativo que deberás enganchar ao teu. Ademais, daranvos un chaleco especial para o cativo.
  • Se o neno xa é maior de 2 anos, si que terá a súa praza propia dentro do avión e empregará o cinto do asento, igual ca un adulto.

AS NOSAS RECOMENDACIÓNS

  • Se, por calquera motivo, queredes cambiar de asento, é imprescindible que o consultedes coa tripulación para que vos asignen os asentos máis convenientes.
  • Aínda que ás veces sexa difícil, debemos intentar que os cativos estean sentados durante todo o voo e, sobre todo, que non corran sós polo corredor.
  • Tamén é importante situar aos nenos nos asentos centrais ou da ventá e evitar os corredores, xa que o movemento de persoas é constante durante un voo e deste xeito evitaremos posibles incidentes.

Asento propio para o teu bebé

Se queres viaxar ás túas anchas co teu cativo sentado noutro asento, podes facelo. Só precisas reservar un billete para el e levar contigo unha cadeiriña especial.

  • O bebé pode viaxar no seu propio asento a partir dos 18 meses e deberás traer da casa a súa cadeira de coche homologada (medidas máximas: 44 cm de ancho). O asento propio para bebé débelo reservar a través do noso Centro de Atención ao cliente.
  • Se o teu fillo voa en asento propio porque é maior de 2 anos e cres que voará máis cómodo na súa cadeira homologada, tamén podes levala, sempre e cando o pequeno teña menos de 36 meses. En calquera caso, por motivos de seguridade non é posible voar cun elevador.

O voso voo, máis cómodo

Desde agora, aos teus fillos encantaralles voar connosco.

  • É moi probable que o teu cativo precise que lle cambies os cueiros. Por iso, e porque a vosa comodidade é moi importante para nós, temos unha zona preparada para iso.
  • Lembra que podes levar a merenda do cativo na equipaxe de man ou podes elixir o noso menú infantil, pensado especialmente para eles.

AS NOSAS RECOMENDACIÓNS

  • Non esquezas levar os xoguetes, libros, tableta ou unha videoconsola portátil do teu peque dentro da equipaxe de man. Por cortesía cos demais pasaxeiros, non esquezas os auriculares!
  • A mellor forma para que os nenos non sufran os cambios de presión é empregando chupetes ou biberóns durante o voo. Procura tamén evitar que quede durmido durante o despegue e a aterraxe, xa que son os 2 momentos máis delicados da viaxe.
  • É o primeiro voo do teu cativo? Descarga o noso Certificado de Primeiro Voo para que lembre sempre esta experiencia!
• • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • • •

Tamén temos para ti...

Seleccionaches unha data de ida que é posterior á data de regreso.
Antes de continuar debes seleccionar o número de pasaxeiros que van viaxar.